Ialma | pt

8    0

Afincadas en Bruxelas, Ialma é un grupo de cinco cantareiras que recollen dende fai anos os cantares tradicionais dos seus antepasados galegos.

Fillas de emigrantes, dúas son irmás dunha familia procedente de Guitiriz, que conservaron no país de acollida as tradicións musicais galegas. As cantareiras de Ialma, catro galegas e unha asturiana, aprenderon en Bélxica os cantares galegos e construíron o seu propio estilo, mesturando sutilmente as máis puras raíces galegas coas culturas flamenca, valona e europea.

Este grupo de orixe folk déixase influír por unha tendencia “worldmusic”. Os instrumentos galegos tradicionais, como a pandeireta ou a gaita, mestúranse co acordeón, guitarra, contrabaixo, violín, gaita francesa, frautas, piano e percusións.

Tras un primeiro album a capella, “Palabras darei”, presentado en xaneiro do 2000, levaron a cabo numerosos concertos en Bélxica, así coma en varios países do continente europeo, chegando incluso a actuar en Taiwán, onde o grupo participou en outubro do 2001 no Festival “World Music”.

Ialma presenta o seu segundo traballo, “Marmuladas”, no 2002, producido e distribuido por ZOKU/EMI. “Marmuladas” nace dunha estreita colaboración entre vocalistas e os propios músicos do grupo, quenes compuxeron melodías e arranxos. O resultado é sorprendente, fresco, con arranxos sutís e cunha grande variedade temática. Un proxecto con músicos belgas. Neste segundo traballo xa observamos o seu estilo persoal que se asenta entre o tradicional e o moderno, o que produce un son moi variado e actual sen abandonar as raíces Folk que deron sentido ao nacemento do grupo.

Baixo a dirección de Ad Cominotto, Ialma innova agora no seu terceiro album, “Nova Era”, con composicións propias, algunha de Verónica Codesal, e presentando unha adaptación dun tema clásico do grupo “Red Hot Chili Peppers”, titulado “Lévame”. Tamén colaboran as “Damas de Laxoso”, grupo de pandeireteiras septuaxenarias de Pontecaldelas. Unha mestura sorprendente e innovadora para unha “Nova Era”, unha nova xeración que aposta pola tradición galega. O seu ultimo álbum incorpora música tradicional de todo o mundo.

O grupo segue a achegarse a un público máis amplo, pero non afastándose das súas orixes. .

Todos os álbuns

Melhores álbuns